19/01/2021
Vivimos tempos difíciles nos que precisamos sentir preto o cariño da nosa xente, e precisamente por iso vouvos falar do traballo de xente que confiou no meu, e así poder apoiarnos mutuamente.
Tócalle o turno á tenda Comercio Xusto SIG Ourense, o lugar no que impartín o meu primeiro (e único por agora 😅) taller de coiro.
Esta tenda pertence á ONG Solidariedade Internacional de Galicia, que leva xa máis de 20 anos traballando en diferentes eidos; dende a educación para a cidadanía con un alumnado do máis amplio e diverso, pasando por moitos proxectos de cooperación que amosan a relevancia do traballo ben feito, ademáis de levar a cabo actividades para implicar á cidadanía para que actuemos (podedes consultar toda ista e máis información na súa web).
O Comercio Xusto é outro dos piares desta Asociación; Sabes que o que estás pagando vai chegar á xente que se encargou de producir ou fabricar o producto que estás mercando, e que vai recibir o que lle corresponde por xustiza (este concepto, entre outros, forma parte dos obxectivos de desenrolo humano para 2030 aprobados por moitos gobernos a escala mundial), así como promover productos reutilizables e ecolóxicos. Como son un comellón, recoméndovos que vos paredes a mirar ben na sección de alimentación, onde atoparedes entre outras cousas cafés, infusións e chocolates dunha calidade abraiante.
Tamén realizan actividades varias (cando o COVID llelo permite), coma charlas, encontros ou talleres por exemplo, así como organizar periódicamente un intercambiador de roupa (o vindeiro está ó caer) no que podedes levar esa roupa que tendes ocupando sitio no armario e nunca poñedes para que outra persoa que o precise a poida levar, e mesmo levarvos vós o que vos guste dentro do que a outra xente aportou, contribuíndo a reducir o impacto negativo dos xigantes da industria téxtil.
A guinda do pastel, por se aínda non vos chamou nada disto a atención, é que aparte de todo o anterior tamén fan diversas exposicións. A actual amosa o traballo dalgunhas cooperativas cas que traballan no Salvador, Honduras ou Guatemala (mola moito o que fan Atípica Guatemala, especialmente riquiñas as bonecas quitapesares). Anímovos a pasarvos e botarlle un ollo (e ó resto da tenda tamén, por suposto). En Ourense atoparédela na rúa Bailén nº 4 así que xa sabedes, se tendes que consumir, que sexa o XUSTO.