13/08/2024
COMUNICADO DA ASOCIACION O CAMIÑO DOS FAROS
A Asociación O Camiño dos Faros estréase como “editor” financiando íntegramente o libro "Atlas Sensorial dunha Costa da Morte” co ánimo de seguir poñendo en valor o noso territorio e as súas xentes a través do seu patrimonio cultural.
Este libro é unha viaxe emocional e comprometida por un territorio único, que os propios autores describen coma “un territorio emocional abeirado a un mar de salitre, suor e bágoas. Cunha orografía agreste, onde a terra adentra no océano. Uns areais nos que as mareas debuxan isóbaras e uns cantís que son un seguro de vida ou un fatal destino”.
A través das máis de 200 páxinas o lector atopará non só a beleza e misticismo do territorio que vai dende Caión ata Carnota e as súas paisaxes espectaculares, senón tamén unha visión sinceira da súa paisanaxe e da súa historia senlleira.
A autoría correspóndelle a Héctor Pose (escritor e profesor universitario de Malpica) e Txema García Paredes (xornalista do País Vasco), e conta coa colaboración de persoas coma o fotógrafo Xulio Barreiro, Manuel Pérez Rúa, Mario Fernández Filloy, Ana Ruiz, Mari Lista e Sol Mariño entre outros e supón “un convite a andar sen présa, a enrolarse nesta travesía dos sentidos”. Esta primeira edición está en galego, con traducción ao castelán.
O libro describe aos trasnos como "unha iniciativa da ciudadanía comprometida co racional aproveitamento dos recursos patrimoniais que singularizan este territorio inzado de vida. Os trasnos creron que andar esta terra era o mellor xeito de entendela e, xa que logo, preservala".
Falando de racional aproveitamento… esta edición fíxose sen ningún tipo de subvención e mediante o traballo desintesado de todos os participantes.
Quedades convidados á presentación do libro esta semana:
-Parador Costa da Morte (Muxía): venres 16 de agosto, ás 20.00 h
-Casino de Carballo: sábado 17 de agosto, ás 20.00h
Contaremos coa presencia dos autores, que asinará exemplares aos interesados (poderá mercarse na propia presentación).
Tamén podedes atopar o libro na librería Clarión en Carballo, librería Miguens en Malpica, e noutros espazos nos que habitualmente distribuen produtos da asociación: Hotel Playa de Laxe, Hotel Playa de Camariñas e Km0 Fisterra. Na Coruña é posible facerse cun exemplar na librería Formatos.